O alcalde de Redondela mantivo unha xuntanza coa deputada provincial Ana Isabel Vázquez, na que demandou que a Deputación de Pontevedra manteña a súa achega para o Premio de Novela Blanco Amor para garantir os 12.000 euros que recibe o gañador do certame.
Bas informou que o Concello de Redondela organiza a edición deste ano do premio, unha vez que a anterior entidade organizadora -o Concello de Ferrol- advertira o ano pasado que a continuidade do premio corría perigo e despois de que os tres concellos aos que lles correspondía asumir a edición deste ano renunciaran por ter sido anfitrións do certame en anos anteriores.
Ademais, un importante número de concellos non fixeron as achegas económicas precisas para acadar os 12.000 euros que recibe o gañador do Premio de Novela Blanco Amor.
O alcalde de Redondela pretende que a Deputación manteña a súa aportación tradicional e quere que os concellos integrados no premio acheguen unha media de 300 euros cada un.
O premio Blanco Amor de novela foi gañado, dende a súa creación en 1981, por novelistas como Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Inma López Silva, Francisco Castro ou Cid Cabido, entre outros.