O Conservatorio Profesional de Música de Redondela representará hoxe, mércores ás 20:00 h. na praza da Casa da Torre o conto musical “Un pobo sen música” escrito e dirixido por Elisa Arias, destinado a todos os públicos. Contará coa participación de Álex Sobrino, da compañía de Teatro Xerpo, como narrador, e o acompañamento musical da Banda Infantil do Conservatorio.
O conto narra a historia dunha malvada meiga que enfeitizou e enmudeceu todos os instrumentos e voces. Mais no Carballo das Cen Pólas vivía unha valente fada que, coa axuda dos nenos e nenas de Redondela, desfixo o meigallo.
Este conto creouse coa finalidade de achegar a música e os diferentes timbres instrumentais a todos os alumnos dos Colexios de Redondela. Ante o éxito obtido nas súas diferentes representacións no Auditorio da Xunqueira, e ante as peticións de distintas institucións de achegalo a máis público para que puideran gozar da súa representación, este ano lévase por primeira vez á Praza da Casa da Torre, nun acto no que tanto maiores como pequenos poderán gozar e, á vez, ser partícipes do seu desenvolvemento de forma activa. A maxia das palabras e da música estarán presentes ao longo de todo o relato.
Como colofón ao acto, ao rematar a representación do conto musical a Banda Infantil interpretará un pequeno concerto.
Se as condicións meteorolóxicas fosen adversas, a representación trasladarase ao Auditorio da Xunqueira á mesma hora.