O pleno aprobou por unanimidade incrementar a subvención que se lle concede a esta entidade, e que inicialmente era de 7.000 euros, coa finalidade de reforzar e apoiar a campaña que desenvolven no Concello durante estes meses de verán “co fin de garantir unha alimentación digna e axeitada dos menores cuxas familias non conten cos recursos suficientes”.
Os menores deberían ser os grandes beneficiados deste incremento na achega que o Concello fai á organización Cáritas e así o puxeron de manifestos todos os grupos presentes na corporación que amosaron a súa preocupación polo feito de que o peche dos comedores escolares poida provocar que algúns rapaces non reciban unha alimentación axeitada. O acordo foi aprobado por unanimidade aínda que con matices. O BNG daba o seu apoio á proposta tendo en conta “que o tempo aprema” pero insistían “en que esta fórmula non nos gusta porque entendemos que o servizo debería asumilo a Xunta ou xestionarse directamente dende o concello”. Unha proposta que os socialistas tamén apoiaban “ante a urxencia da situación”. Digna Rivas solicitaba tamén á Concellería de Servizo Sociais que se poña en marcha un plan de apoio á alimentación infantil para garantir esta necesidade básica.