Logo da manifestación celebrada en Chapela o pasado venres e na que os veciños, xunto con políticos de todos os partidos, amosaron a súa oposición ao proxecto de Fomento para a ampliación da autoestradas ao seu paso pola parroquia, esta tarde reuniranse cun avogado especialista en expropiacións. Posteriormente, ás 20:30 horas no Multiusos do Piñeiral do Crego reuniranse cos deputados do PP, Telmo Martínez e Irene Garrido.
A asociación ven denunciando a falta de transparencia en todo este proceso que os leva a non coñecer con exactitude as propiedades que se van ver afectadas polas obras, xa que segundo explican os planos dos que dispoñen presentan importantes modificacións respecto do proxecto presentando a información pública, cun maior número de parcelas e vivendas a expropiar. Unha información que lle demandarán hoxe aos deputados populares Telmo Martínez e Irene Garrido, xa que entende e así o puxeron de manifesto na protesta que o pasado venres reuniu en Chapela a máis de trescentas persoas, que o Ministerio de Fomento lles está ocultado información “o único que nos din é que as obras comezarán a finais deste mesmo ano”. Entenden que non é de recibo que os planos segan sen ser definitivos a tan só uns meses de que comece a ampliación, motivo polo que seguen mobilizándose. PSOE O grupo municipal socialista que tamén participou o pasado venres na manifestación en contra da ampliación da AP-9 de Redondela por non seren partidarios de que se acometan estas obras presentaron a través dos deputados Guillermo Meijón e Carmela Silva, unha batería de preguntas no Congreso dos deputados nas que se solicita unha resposta por escrito coas que tentaran acadar algo de luz sobre un proxecto que “o Partido Popular e Audasa tramitan na escuridade”. Un dos puntos máis importantes, segundo explican, son os referentes os posibles erros do proxecto e que afectan de forma directa a moitos veciños por ter casa ou fincas no lugar. Deste xeito, nos planos do “Proyecto de Ampliación de la Autopista AP-9” todas as fincas a expropiar aparecen consideradas como rústicas cando, segundo a normativa urbanística vixente, case todas son urbanas. O voceiro socialista no concello de Redondela, Eduardo Reguera, indicou que “no seu día xa nos declaramos estar en contra desta obra e mantemos a nosa postura, polo que acudimos a manifestación do pasado venres. Se finalmente remata por facerse a ampliación da AP-9, a veciñanza terá toda a nosa axuda e trataremos de resolver (dentro das nosas posibilidades) ou manifestar aquelas cuestións que se lle presenten. Para a parroquia de Chapela a ampliación da AP-9 sería un duro golpe”.