Cunha participación do 54% dos asociados, foi maioritario o apoio ao novo proxecto da Unión Comercial de Redondela que prevé construír un parque comercial de medianas superficies na parcela de 36.320 m2 de Canabal-Vilavella cun total de sete establecementos. O 75% dos 165 votos emitidos amosou a súa conformidade co proxecto, mentres que foron 42 as persoas que votaron en contra do mesmo.
A Asociación de empresarios analizará agora os datos polo miudo, xa que falta por definir o sector ao que pertence cada un dos votos emitidos. De feito, á espera de coñecer ese análise entenden que o resultado era esperado “xa que mentres o pequeno comercio non apoia a creación dun parque comercial por entender que é contrario aos seus intereses o sector servizos e o da hostalería seguramente están máis abertos a un proxecto destas características”. En total emitíronse 165 votos, o que supón un 54% do total dos asociados (310). Houbo 122 votos a favor, 42 en contra e unha abstención. Unha vez realizado o estudo no que se desglosen os datos por sector e por actividade se lle trasladará á administración local xa que foi o propio goberno o que instou á Asociación a pronunciarse sobre esta cuestión logo de que os promotores do proxecto decidiran modificar a idea inicial, que pasaba pola creación dun parque comercial de pequenas tendas e apostasen por un proxecto de parque comercial de medianas superficies no que prevén a instalación dun total de sete establecementos. Un proxecto que precisa necesariamente do apoio do pleno, xa que é preciso que dende a corporación se aprobe a recalificación dos terreos para que poida emprenderse unha obra destas características.