Solicitarán unha reunión cos responsables da Consellería de Medio Ambiente para que esixa a empresa que peche as instalacións que a conserveira ten en Punta Chapelisa, dentro do espazo natural protexido pola Rede Natura 2000 e cuxa licencia de Autorización Ambiental, concedida pola Xunta malia os informes en contra do propio Concello, ven de ser anulada polo Tribunal Supremo.
A sentenza da a razón á Plataforma no contencioso-administrativo presentado contra unha resolución da Consellería de Medio Ambiente que outorgaba a licencia ambiental a esta fábrica de fariñas e aceite de peixe ubicada en Rande. O tribunal Supremo ratifica así unha resolución anterior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do 2011 que xa anulaba ás autorizacións concedidas pola Xunta para a instalación desta fábrica nun espazo natural protexido incluído na Rede Natura 2000 O goberno galego concedera esta licencia ambiental malia as alegacións presentadas pola Plataforma e en contra do propio informe do Concello que recollía a incompatibilidade de que se lle concedese este permiso a unha empresa que debía estar suxeita ao regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas. O presidente da plataforma, Antonio Lores, amosa a súa satisfacción porque logo dun longo proceso de cinco anos a xustiza lles dea a razón e insta a que a Xunta actúe de xeito inmediato e esixa o traslado da empresa a un lugar máis axeitado a súa actividade. Lembra ademais que os veciños do lugar levan anos denunciando os cheiros que emite esta factoría o que lle obriga a ter as fiestras pechadas.