Obradoiros para os nenos e visitas guiadas pola praia forman parte das actividades que a a Concellería de Medio Ambiente organiza no areal de Cesantes. Unhas actividades medioambientais divididas en dous grandes grupos: por unha banda as rutas guiadas ,e pola outra, actividades de divulgación dos recursos da praia, como o Obradoiro que vai ter lugar o mércores 30 de xullo e que dá inicio ao programa. A primeira das rutas será o sábado 2 de agosto con saída ás 10:00h dende a Casa do Concello.
No obradoiro de mañá, dirixido a rapaces con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, os nenos converteranse en exploradores por un día e, a través de xogos e actividades divertidas, conseguirán descubrir todos os recantos e riqueza deste espazo natural. Os interesados non teñen máis que presentarse o mércores ás 10:00 na praia da Punta. As outras actividades consistirán nunha visita á lonxa con degustación incluída na mañá do martes 19 de agosto, e que servirá para dar a coñecer mellor este lugar, símbolo do comercio e actividade económica da vila. Posteriormente, o 21 de agosto, xoves, terá lugar o Obradoiro e Concurso de Papaventos, tamén na praia de Cesantes, dirixido tamén a nenos con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, con premios para os máis orixinais e para os que mellor voen. As rutas guiadas por naturalistas comezarán o sábado 2 de agosto e están pensadas para todos os públicos. A ruta escollida para este día parte da Casa do Concello de Redondela e chega ata a praia de Cesantes, e de novo regreso ao Concello. Son algo máis de oito quilómetros por espazos naturais de moito interese, con paradas explicativas sobre elementos da fauna e flora da zona. Posteriormente, o 23 de agosto, tamén sábado, organízase outra ruta de ida e volta dende a praia de Cesantes ata o Espazo da Rede Natura de Soutoxusto. Como finalización do programa, na mañá do sábado 6 de setembro levarase a cabo un percorrido de ida e volta polo río Maceiras, con saída dende a Casa do Concello. Para máis información pódese contactar coa Oficina de Medio Ambiente do Concello de Redondela 986 400 300 ou a través de correo electrónico: medioambiente@concelloderedondela.es