A sesión que se prevé maratoniana está convocada para as dez da mañá do vindeiro xoves, unha xornada na que se celebrará ademais o pleno ordinario correspondente ao mes de xullo ás 20:30 horas. No pleno matutino abordaranse un total de once mocións e están solicitadas ata catro comparecencias, tres delas que afectan ao alcalde Javier Bas e unha cuarta que afecta ao concelleiro de interior Arturo González. Unha orde do día que se completa con varios rogos presentados ao longo dos últimos meses polos grupos da oposición.
Dende hai meses é habitual que as sesións plenarias ordinarias, malia prolongarse ata a medianoite, rematen sen ter abordado todos os asuntos previstos por falta de tempo. Sesións maratonianas de catro horas que non son dabondo para que goberno e oposición resolvan as numerosas mocións presentadas e comparecencias solicitadas, así como os rogos e preguntas presentados polos grupos da oposición. Unha situación que fai que se vaian acumulando asuntos pendentes.
Ante esta situación, a Agrupación de Electores solicitou semanas atrás que se convocase un pleno extraordinario “coa finalidade de rematar con esa actividade de control que consideramos imprescindible para poder propoñer acordos e fiscalizar ao goberno local; e para que estes temas non volvan atrasar a actividade que se poida dar nos vindeiros meses”.
Será mañá xoves cando se celebre esa sesión que arrancará ás 10:00 horas na que se abordarán cuestións tales como a ampliación do servizo do Grumir (PSOE), a prolongación do paseo marítimo de Cesantes ata a zona dos Asteleiros (AER) ou a cesión dos locais da Casa do Mar par a realización nese espazo de actividades de interese social (BNG).