A Comunidade de Montes de San Vicente de Trasmañó ten en marcha un traballo de recuperación e diversificación dos produtos que medran nos seus terreos. O obxectivo é replantar gran parte do territorio con especies autóctonas, ao mesmo tempo que se potencian novos cultivos que poden xerar emprego para os comuneiros.
Malia que na maioría das comunidades de montes a produción céntrase nas plantacións de piñeiro e eucalipto, en Trasmañó apostan por novas especies como a paulownia, unha árbore orixinaria de Asia. Tamén pretenden recuperar o castiñeiro de froito para a súa comercialización, así como a produción de cogomelo. Outro dos obxectivos é a recuperación da oliveira para producir aceite, como se vén facendo noutras rexións de Galicia con éxito. Tamén porán en marcha a produción e comercialización de arandos. O obxectivo da Comunidade de Montes é diversificar a produción forestal e crear postos de traballo entre os comuneiros, coa comercialización dos produtos obtidos. Tamén teñen en fase de estudo un proxecto para introducir o porco celta, e xa teñen en marcha a primeira fase de implantación de novas especies para a produción madeireira, coa paulownia, na que é a plantación máis grande de Galicia de árbores desta especie, que ocupa catro hectáreas.