Este é o título da exposición documental e fotográfica que poden visitar na Sociedade Labrego Cultural da parroquia, e que recolle a historia de tres importantes lugares de Reboreda: a antiga casa da Sociedade de Agricultores, que cumpre 80 anos da súa construción, o Torreiro da festa o Cemiterio parroquial.
A antiga casa da Sociedade de Agricultores é precisamente o lugar que acolle esta mostra, no seu salón de actos Basilio Álvarez, coincidindo coas festas patronais de Reboreda. Esta exposición foi realizada e coordinada polo cura da parroquia, Carlos Rodríguez, coa colaboración de Montse Rodríguez, que xa recollera anteriormente documentación histórica sobre o Torreiro da festa e a súa ampliación, iniciada no ano 1977. A mostra recolle a metamorfose que atravesan estes tres lugares da parroquia. Para Carlos Rodríguez esta mostra é un xeito de “mirar atrás para poder saber quen somos hoxe, e poder crear espazos para o futuro”. Para poder recoller toda esta información os artífices da mostra tiveron que recorrer á memoria dos maiores da parroquia, pero tamén ós arquivos municipais, ao Arquivo Histórico de Pontevedra e ao de Salamanca, “para recabar información da época da Guerra Civil”, como explica Montse Rodríguez, xa que a que existía na provincia “estaba incompleta”. As imaxes que poden verse na exposición foron cedidas por veciños da parroquia, pero sobre todo polo estudo fotográfico Cal3, que cedeu imaxes do seu arquivo. Con todo, a idea orixinal desta mostra era a de dar a coñecer a dous persoeiros de Reboreda, Juan Manuel Pereira de Castro, señorito da Reboraina, e o seu cuñado Pedro Couñago Couñago, que foi cura de Reboreda. Ao recabar na súa historia decatáronse de que a actual sede da Sociedade Labrego Cultural cumpría 80 anos de historia, polo que decidiron cambiar o rumbo da súa investigación e poñer en marcha esta exposición. A mostra está aberta ao público ata o 31 de agosto.