A estrada da Subida a Estación está incluída no plan municipal que inclúe a ordenación da zona, o pintado dos sinais horizontais e a ordenación do tráfico. O concelleiro Arturo González lamenta as críticas do PSOE redondelán, que esixía unha actuación na zona, “cando hai meses que o Concello traballa nun proxecto que está pendente de licitación”.
O Concello de Redondela planea proceder en breve prazo ao pintado da sinalización horizontal das rúas do municipio, para o que xa iniciou hai meses o proceso de adxudicación deste contrato no que tamén se inclúe o pintado e sinalización da rúa Subida a Estación. Precisamente esta zona foi obxecto das críticas do grupo municipal do PSOE, que demandan a ordenación da zona “xa que leva tres anos rematada e aínda está sen pintar”. Trátase dunha zona moi transitada, xa que é un acceso directo desde a N-550 ao centro da vila, e aínda segue “sen pintar, sen delimitarse a velocidade, as direccións e sen marcar as prazas de aparcadoiro”, como denuncia o voceiro socialista Eduardo Reguera. Para o concelleiro de Tráfico, Arturo González, esta reivindicación dos socialistas “non ten sentido”, porque todos os grupos municipais e tamén os veciños “saben desde hai meses que a contratación desta obra xa está en fase de licitación e farase nun breve espazo de tempo”. A zona será ordenada para o tráfico co pintado do vial, o aparcadoiro, pasos de peóns, a mellora da beirarrúa e a sinalización do sentido de circulación. Na rúa circúlase en sentido descendente desde a N-550 ata o centro da vila, pero no primeiro tramo permítese o dobre sentido de circulación, desde os novos edificios, para a incorporación á estrada nacional. O proxecto inclúe a sinalización horizontal en todas as rúas do centro de Redondela, Chapela, e nalgunhas zonas doutras parroquias do municipio.