No albergue de peregrinos poden contemplarse unha ducia de obras nas que a autora tenta transmitir “calma e serenidade”. As paisaxes urbanas mistúranse con outras máis intimistas, coas praias e os horizontes do mar como protagonistas.
Hai moitos anos que pinta, e a súa obra tamén se foi transformando co paso do tempo. Dos cadros máis coloristas dos seus inicios, pasou a outros nos que a madurez e a calma dou paso a tonalidades “máis serenas”. Vive a cabalo entre Xixón e León, e tamén iso se reflicte na súa pintura, que viaxa desde as paisaxes urbanas á costa, con panorámicas atmosféricas, paisaxes de soidade e mar. Cualifica a súa pintura de impresionista, e afirma que con ela tento transmitir calma e serenidade. A súa inspiración xorde do que ten máis próximo, do cotián, da paisaxe vivida, intimista. Coa súa obra tenta “chegar ao público”, que a xente poida ver o seu traballo e emocionarse. Tamén a satisfacción persoal é importante, “estar a gusto” co que fai, abrir novos camiños de expresión artística e seguir innovando. A exposición pode visitarse na Casa da Torre ata o 30 de agosto, en horario de 13:00 a 22:00 horas de luns a domingo.