O barítono canario, acompañado polo músico galego, ofrecerá un concerto dividido en tres bloques: música popular española, música cubana e zarzuela. A cita é mañá mércores ás 21.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade do auditorio.
A actuación encádrase dentro do programa cultural de verán que organiza o Concello de Redondela, e interpretarán un programa con temas populares recollidos por Federico García Lorca, música cubana e obras de Mancini, Carlos Gardel ou Soutullo, entre outros. Brito asegura que se trata dun concerto “para todos os públicos”, xa que calquera pode gozar destas pezas musicais “fermosas e próximas”. Para o recoñecido barítono canario, o importante é escoitar as pezas “e poder emocionarse deixando que a música nos transporte a outros lugares”. As portas do auditorio abriranse ás 20.00 horas, e a entrada é libre ata completar o aforo.