Nesta XVII edición da festa Concello e Asociación de Empresarios amplían a programación con máis actividades para o público infantil e familiar desde as 12.00 horas, e haberá obradoiros e espectáculos na contorna da Praza da Casa da Torre e a Farola. Para o público xuvenil e adulto a cita será no Campo da Feira coa IV Gala Drag Queen e concerto de Soraya. Haberá máis barras para servir bebidas e o horario amplíase ata as 04.00 horas.
O sábado Redondela será a capital da festa co seu tradicional Entroido de Verán, no que se agardan máis de 20.000 participantes. É o evento que máis público reúne en Redondela nunha única xornada, e a boa climatoloxía que se prognostica para a fin de semana fai pensar que se sobrepasarán as cifras de anos anteriores. O concelleiro de Cultura, Julio Alonso, sinala que se trata duha das citas máis esperadas do ano, e salienta que tanto o Concello como a Asociación de Empresarios fixeron un esforzo”porque a festa vaia a máis. A concelleira de Festexos, Erminda Quelle, descatou que se ampliaron os horarios, tanto de inicio como de peche de actividades. Xa desde as 12.00 horas haberá animación nas rúas e espectáculos para o público infantil e familiar. Pola noite tamén se amplía o horario da festa tanto no recinto feiral como nos establecementos de hostalaría, que despacharán bebidas até as catro da madrugada. Ademais os locais da vila que así o soliciten poderán instalar barras para atender ó público na rúa. Quelle explicou que se trata dunha demanda dos hostaleiros, ante a imposibilidade de atender aos clientes no interior dos establecementos pola elevada afluencia de xente. En todo caso os locais deberán cumprir uns requisitos, como que a rúa teña un mínimo de anchura de 3,5 metros e deixe como mínimo 1,5 metros libres para a zona de paso. O concerto de Soraya (ex Operación Triunfo) será o prato forte da festa, logo da IV Gala Drag Queen, que será presentada polo transformista Cristian de Samil. Unha cita que promete ser un gran espectáculo, xa que cada ano aumenta a cantidade e calidade dos concursantes. Este ano repartiranse 1.500 euros en premios. O baile seguirá coa actuación dos picadiscos Chimo Cabreira e Rodri Vegas. O presidente da Asociación de Empresarios, Fenando Sampil, explicou que o obxectivo é ofrecer cada ano unha festa mellor, con máis actividades non só para a mocidade, senón tamén para o público familiar. A alcaldesa en funcións, Teresa París, destacou a importancia desta festa para promocionar Redondela, xa que se trata dun evento de referencia en toda España. Salientou o carácter alegre deste Entroido de Verán, pero advertiu tamén da seriedade e profesionalidade coa que se organiza. A seguridade na festa estará garantida por un amplo dispositivo con vixilancia no recinto feiral e nas rúas no que participará a Policía Local e Nacional. Tamén haberá dúas ambulancias no Campo da Feira para atender posibles incidencias. Para facilitar a chegada do público doutras partes da provincia, establécese unha rede de autobuses que conectarán Redondela con Vigo e Pontevedra desde as 16.00 horas do sábado ata as 8.00 horas do domingo.