Os veciños de Redondela contarán no último trimestre do ano cun amplo programa de cursos para achegarse ás novas tecnoloxías. Hai actividades dirixidas a persoas que queiran iniciarse no mundo de internet, outras dirixidas especificamente para desempregados e outras para asociacións e ONG,s. Tamén hai un amplo horario no que todas as persoas interesadas poden facer un uso libre das instalacións co apoio dun monitor.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Alonso, explica que o obxectivo do Concello é “sacar o máximo proveito” das aulas Cemit coas que conta a cidadanía, tanto en Redondela como en Chapela. Deste xeito todas as persoas que estean interesadas poden beneficiarse destas instalacións, que contan con 15 equipos informáticos cada unha delas. As actividades comezarán en setembro cos cursos de Alfabetización Informática e Actividades Dixitais Básicas, dirixido a aquelas persoas que queiran iniciarse no manexo dun ordenador. Outro bloque de cursos están orientados ás asociacións e colectivos do municipio, para favorecer a modernización tecnolóxica destas entidades. Así poderán realizar trámites online, iniciarse nas redes sociais, ou crear a súa propia web ou blog. Hai tamén cursos específicos para persoas desempregadas, que aprenderán a elaborar unha carta de presentación e un currículo, iniciaranse na procura activa de emprego a través de internet e a navegar nos portais e buscadores de emprego. As aulas ofrecen tamén a posibilidade de utilizalas “por libre”, co apoio dun monitor. Os veciños interesados poden facer uso dun dos equipos informáticos co apoio dun monitor todos os venres en horario de 09.00 a 13.00 horas a aula de Redondela e de 16.00 a 20.00 horas a de Chapela. Todas son actividades gratuítas e as persoas interesadas poderán descargar a solicitude da páxina web do Concello no apartado “Descarga de Modelos”, recollela no Centro de Formación Municipal A Marisma (ao lado da piscina) ou nos Servizos Sociais de Chapela (nos baixos do pavillón). Para máis información poden chamar ao teléfono 986402664.