Axentes da policía de Pontevedra detiveron na madrugada de onte a un redondelán ao que interceptaron primeiro no poboado do Vao e logo nun establecemento de hostalaría do que marchara sen pagar. O detido, A.D.L., de 30 anos de idade, carecía ata o momento de antecedentes policiais.
A policía déralle o alto unhas horas antes nos accesos ao poboado do Vao, onde lle incautaron tres doses de cocaína, e recibiu unha denuncia pola vía administrativa. Horas despois o mesmo home achegouse até un karaoke da rúa Echegaray e pediu unha consumición que non pagou. Marchou do local e subiu a un taxi, onde roubou o móbil do condutor, e logo emprendeu a fuga. Foi localizado atravesando a ponte das Correntes polos compoñentes dunha patrulla, os mesmos que lle deron o alto cando abandonaba O Vao. Cando os axentes o cachearon para comprobar que levaba enriba o móbil do taxista , o arrestado revolveuse, propinou dúas puñadas ao axente e, de novo, saíu á carreira. Apenas percorreu uns metros antes de ser alcanzado pola policía. Houbo un novo forcexeo, no que o arrestado tentou facerse coa arma do axente, sen chegar a conseguilo grazas á intervención do segundo compoñente da patrulla. Entre ambos os policías reduciron e detiveron ao mozo que, ata ese momento, carecía de antecedentes policiais.