Cando o pasado xoves o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a lista de parcelas que serán expropiadas pola ampliación da autoestrada ao seu paso por Chapela, cumpríronse os peores pesadelos dos afectados. Malia que o Ministerio de Fomento se comprometera a manter unha xuntanza con eles, o proceso de expropiación púxose en marcha oficialmente antes de que exista unha data para ese encontro. Non descartan retomar as mobilizacións na rúa.
O Ministerio de Fomento cualificou as obras de ampliación de interese público, e levará adiante o proceso de ampliación da AP 9 ao seu paso polo municipio de Redondela. Os veciños, que desde hai anos conforman a Asociación de Afectados pola Ampliación da Autoestrada, puideron constatar como o número de expropiacións aumentou notablemente con respecto ás propiedades que figuraban nos plans de 2010, ao pasar de 30 a máis de 70 propiedades afectadas. O presidente da plataforma, Rafael Baltasar, denuncia que os veciños están nunha situación “de indefensión”, xa que durante o prazo de alegacións moitos deles non sabían que as súas vivendas ou fincas estarían afectadas. Desde o colectivo lembran que o pasado mes de xullo mantiveron unha xuntanza no Concello de Redondela co goberno local na que tamén participou Pablo Domínguez, director xeral de Estradas, quen se comprometeu a organizar unha nova reunión con responsables do Ministerio de Fomento para ofrecerlles aos veciños afectados toda a información do proxecto de ampliación. Mentres agardan a que se poña data para esa xuntanza, o BOE publicou xa a listaxe das expropiacións “actuando pola porta de atrás”, segundo denuncian os veciños, que critican “a falta de transparencia” do goberno central nesta actuación. Mañá martes manterán unha xuntanza no Concello de Redondela co alcalde, Javier Bas, e o tenente de alcalde, para informarlles da situación. Posteriormente a Asociación de Afectados pola AP-9 celebrará unha asemblea extraordinaria. Será o venres no Multiusos do Piñeiral do Crego en Chapela. Os afectados analizarán co avogado da asociación as medidas legais que poden adoptar, e a posibilidade de volver a manifestarse nas rúas en contra do proxecto. Baltasar agarda que a mobilización sexa masiva, xa que agora “as expropiacións están enriba da mesa”, e os afectados terán que asinar as actas no Concello a finais deste mes de setembro.