O alcalde Javier Bas comprometeuse coa asociación de afectados a solicitar a Fomento información sobre o prezo que se pagará aos propietarios das 71 parcelas que se van expropiar pola ampliación da autoestrada ao seu paso por Chapela e Rande. A asociación celebrará este luns ás 20:00 horas unha asemblea no Multiusos do Piñeiral do Crego para informar aos afectados.
O mércores 10 de setembro está prevista unha reunión cos responsables de Fomento en Vigo á que asistirán tamén representantes do goberno local e da propia asociación na que se falará entre outras cuestións do prezo que o Ministerio baralla como posible compensación para todos os afectados pola expropiacións de vivendas e ocupacións de terreos. En total, e segundo o publicado polo BOE o pasado 28 de agosto, a ampliación da autoestrada suporá a expropiación de 71 parcelas e unha ducia de vivendas. A isto hai que engadir o colexio Igrexa que será derrubado e cuxo alumnado está previsto se traslade a un novo colexio cuxa construcción se ubicará na coñecida como polígono de autopista
Por outra banda, o alcalde comprometeuse a consensuar unha moción co resto dos grupos da corporación que recolla as demandas veciñais que pasan porque os afectados reciban un prezo xusto polos prexuizos de sufrir unha vez máis o paso das infraestruturas por esta parroquia.