Esta Jam sessión na que adoitan participar agrupacións locais así como músicos que se soben ao escenario de xeito espontáneo estaba previsto que se celebrase na noite de hoxe, tal e como así se recolle na programación da Concellería de Cultura. Unha cita musical que finalmente non terá lugar logo de que os seus responsables renunciasen a súa organización por non contar con apoio “económico e material” por parte do Concello.
O Festival Lixo Rock foi durante anos unha das actividades enmarcadas dentro do programa do Arte Lixo. Malia todo chegaría a ter entidade propia e seguiu celebrándose incluso durante os anos nos que o ArteLixo non se convocou.
Un evento musical con case dúas décadas de historia aberto á participación de calquera persoa ou agrupación con intereses musicais, xa que os participantes o único que tiñan que facer era levar os instrumentos sendo a organización quen facilitaba os equipos de son e a batería. Estaba previsto que esta cita volvese hoxe congregar a estes músicos ás 22:00 horas no antigo campo da feira, pero os organizadores decidiron non convocar o evento por entender que a falta de apoio por parte do Concello “non garante a viabilidade da actividade”. Con todo non renuncian a retomar o Lixo Rock en vindeiras edicións.