Así llelo fixeron saber técnicos de Fomento aos responsables do goberno local e da Asociación de afectados que na mañá de hoxe mantiveron unha reunión en Vigo. O rexedor local, Javier Bas entende que “hai moi boa receptividade por parte do Ministerio ás demandas veciñais tendo en conta os prexuizos que todos os afectados padecen”. Engade que as expropiacións parciais non afectarán ás vivendas e confirma que no proxecto se contempla a inclusión de barreiras acústicas e a mellora do acceso a Trasmañó.
A principal demanda dos afectados pola ampliación da AP-9, dende que o pasado mes saíra publicado no BOE as 71 propiedades que se van ver afectadas directamente pola ampliación da autoestrada, pasa porque os expropiados reciban unha compensación xusta. A alcalde, Javier Bas que xunto con outros membros do goberno local e representantes da Asociación de Afectados se reuniron hoxe en Vigo con responsables de Fomento, asegura que por parte do Ministerio hai un compromiso para que os expropiados reciban “un prezo xusto polas súas propiedades”. Engade ademais que esa compensacións económicas serán cobradas dun xeito máis inmediato que noutros procesos xa que “ao ser Audasa quen fai as expropiacións directamente o pago axilizarase”. Bas fai un chamamento aos veciños para que identifiquen axeitadamente as súas propiedades e as documenten no levantamento de actas previas que vai ter lugar do 24 ao 26 de setembro. Na reunión na que estaba presente o director xeral de estradas, Jorge Urrecho e o xefe de Demarcación de Galicia, Angel González del Río, abordouse tamén o tema das “expropiacións parciais” recollidas no BOE. O alcalde asegura que no caso das vivendas os propietarios poden pedir a expropiación total e pon como exemplo o caso do colexio Igrexa “que se atoparía nesa situación pero que vai ser expropiado na súa totalidade”. Neste sentido apunta tamén que entramos nunhas semanas claves para o futuro do centro educativo xa que en palabras de Javier Bas “no prazo de dous meses Audasa terá xa posto a disposición do concello os terreos coñecidos como Polígono de Autopistas para que posteriormente a Xunta acometa a cobra de construcción do novo colexio”. Na reunión abordáronse tamén outras demandas históricas dos veciños tales como a mellora do acceso a Trasmañó ou a colocación de pantallas e asfalto que diminúan o impacto acústico “cuestións que van ser contempladas no proxecto”.