A corporación municipal apoiou por unanimidade trasladar ao Ministerio de Fomento e a Deputación de Pontevedra a necesidade de construír unha rotonda que dea solución aos problemas de seguridade vial existentes no Alto dos Valos. Unha demanda histórica dos veciños do lugar que na xornada de onte chegaba ao pleno da man do Consello Parroquial de Saxamonde.
Unha moción na que se pon de manifesto a perigosidade existente no cruzamento das estradas N-550 e EP 2906, un dos puntos negros da rede viaria da provincia cunha intensidade media diaria que supera os 9.000 vehículos cun importantes número de camións que a cotío o atravesan para circular en sentido Pontevedra ou O Porriño/norte de Portugal. Unha perigosidade que sofren especialmente as familias que residen nas trinta vivendas existentes na zona segundo explicaba un dos membros do Consello Parroquial. A proposta foi aprobada por unanimidade. Dende o BNG o concelleiro Xoán Carlos González salientaba que ao seu entender a obra “que dende noso grupo levamos reclamando en numerosas ocasión con emendas aos Orzamentos do Estado” non suporía un investimentos desmesurado e que pola contra minimizaría a perigosidade do cruce. No mesmo sentido se manifestaba o socialista Eduardo Reguera quen lembraba que o radar existente no lugar non soluciona o problema “porque malia seren moitos os veciños que foron multados o risco continúa pola confluencia de varias estradas de alta densidade”. Insistía tamén na necesidade de que Mos e Pazos se sumen a esta petición que se lle vai trasladar tanto ao Ministerio de Fomento como a Deputación “porque as demandas supramunicipais teñen máis peso nestes organismo” Os populares apoiaron tamén a proposta malia asegurar o edil Arturo González que dende o goberno local xa que lle trasladou en varias ocasións a Fomento este necesidade. Unha moción que foi apoiada unanimemente ao contar tamén co voto favorable da Agrupación de Electores.