O colectivo quere aglutinar a todas aquelas persoas de esquerda “comprometidas coa democracia, coa defensa da maioría social e co dereito a decidir do pobo galego” coa finalidade de propoñer unha candidatura unitaria para se presentar aos vindeiros comicios electorais. Do mesmo xeito que noutros concellos de Galicia o obxectivo último é “lograr maiorais suficientes fronte as políticas destrutivas que o PP está a realizar en todo o pais”.
Unha plataforma que naceu baixo a ameaza da reforma electoral que propón o goberno do PP para que o partido máis votado se faga coas alcaldías independentemente de posibles acordos postelectorais e que busca en Redondela, do mesmo que noutros concellos galegos, unir forzas e aglutinar á esquerda social cidadá e á esquerda política organizada “sen querer por iso substituír ningún partido nin ningunha organización”. Unha iniciativa, que segundo explica un dos asinantes Quino Vilas, quere aglutinar un sentimento maioritario que pasa por desaloxar ao PP do poder. O proxecto que se está a conformar en Redondela está aberto a todos os que queiran sumarse e logo da reunión celebrada onte traballan xa en novas convocatorias e na elaboración dun manifesto a nivel máis local de cara a presentar un proxecto concreto para o noso concello. Sobre a decisión de AER de non sumarse a esta iniciativa e volver concorrer aos vindeiros comicios electorais de xeito independente, entende Vilas que é “respectable que cada organización decida o seu futuro” malia lamentar que “non se faga un esforzo por levar adiante este proxecto”. Engade iso si que “a porta está aberta para que se poida confluír de calquera outro xeito”.