A proposta da Asociación Cultural Alén Nós foi debatida nunha xuntanza cos representantes das Comunidades de montes afectadas (Cabeiro, Cedeira, Negros e Trasmañó) chegándose ao acordo unánime de prohibir a caza para evitar posibles riscos para os que se achegan ao lugar a visitar os xacementos arqueolóxicos. Tamén rotunda foi a oposición a que alí se practique o motocross, unha actividade que causa importantes prexuizos nos montes. O Concello deberá agora proceder a sinalizar a prohibición e en breve unha patrulla da policía local comezará a patrullar pola zona.
A solicitude, que foi xa reiterada en varias ocasións por parte do colectivo Alén Nós, conta agora tamén co visto bo das Comunidades de montes afectadas que se suman así á petición de que se prohiba a caza nas inmediacións dos xacementos de Monte Penide. O obxectivo é evitar os riscos para aqueles visitantes que se achegan ao lugar en época de caza tal e como xa se recolle na Lei de Montes. Andrés Laxe lembra que segundo dita lei “non se pode disparar a menos de 50 metros das pistas de paseo” e que esta medida iría orientada a facer cumprir esa normativa. A limitación afectará á actividade da caza pero tamén aos que usan o monte como pistas de motocross e que provocan danos importantes incluso nos propios xacementos arqueolóxicos. Gonzalo Balo confía en que en breve o Concello, tal e como comprometeu o responsable de interior, Arturo González, sinalice a zona lembrando ambas as dúas prohibicións así como que unha patrulla da Policía Local se achegue periodicamente ao lugar no que se atopan os xacementos como medida disuasoria.