Dentro da campaña “Con estas raíces non facemos escola”, o secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG), Aitor Bouza, xunto con representantes da formación xuvenil en Redondela achegábase na mañá de hoxe ao centro educativo Santa Mariña para denunciar “os graves recortes” no Ensino público.
Unha campaña que están a desenvolver en toda Galicia co obxectivo de denunciar, aproveitando o inicio do curso escolar os “graves recortes” do Goberno en Educación Pública, a “falta de investimento” e a “redución do profesorado”. O Goberno central do PP reduciu o investimento en Infantil, Primaria, ESO e Educación Especial en máis dun 31% segundo denuncian dende esta organización. Critican tamén outras medidas como a suba do IVE no material escolar e a redución de bolsas. Denuncian “situación dramáticas” e casos esperpénticos nos que “os solicitantes reciben unha carta anunciándoselles que lles conceden unha bolsa pero que a contía da mesma é de cero euros”. A organización xuvenil denuncia o “maltrato do Executivo do PP á Educación Pública” e asegura que non van quedar de brazos cruzados “vendo como este Goberno trata de rematar” con ela.