Os organizadores estiman que este ano os veciños recolleron ao redor de 4.500 kilos de mazás, unha das colleitas máis abondosas dos últimos anos. Unha froita coa que xa están a elaborar a sidra e os numerosos e variados pratos que se repartirán na festas que celebran esta fin de semana. O pregón correrá a cargo de Merchi Rodal, reposteira de larpeiros.
Corenta persoas están a traballar este días na elaboración dos máis de 3.000 litros de sidra que na fin de semana se esperan despachar na festa da mazá de Negros. O tempo chuvioso dos últimos meses favorece que a deste ano sexa unha das colleitas máis abondosas das últimas edicións e son moitos os veciños que colaboraron na recollida da froita e que agora están xa a traballar na elaboración da sidra. O presidente da comisión Emilio Antón lembra que a sidra poderase acompañar de suculentos pratos elaborados tamén a base de mazá sendo este ano a principal novidade as brochetas de polo con mazá unha receita que se ven sumar a outros pratos xa tradicionais como a empanada de bacallao con mazá, o chourizo á sidra, a costela con mazá e diferentes sobremesas “mantendo os prezos dos últimos catro anos”. Os organizadores estiman que serán ao redor de tres mil as persoas que se acheguen á festa “dependendo iso sí do tempo que faga”. Os stans abriranse ao público o sábado ás nove da noite unha xornada amenizada polo grupo local Retroblues. O día grande será o domingo con apertura das casetas de degustación ás once da mañá e pregón a cargo da reposteira do programa Larpeiros da TVG, Merchi Rodal.