Os estudantes decidiron non saír en manifestación por carecer de autorización e ante a importante presenza policial despregada nas inmediacións do Instituto con ata “sete furgóns da UIP”. A protesta convocada polo colectivo ARDE (Asemblea Redondelá de Estudantes) tiña como obxectivo manifestar o seu rexeitamento á aplicación da Lei Wert e reivindicar melloras no ámbito local encamiñadas a mellorar as salas de estudo nas bibliotecas.
Malia que a protesta tiña previsto percorrer as rúas do centro da vila, os estudantes concentrados ás portas do Instituto Pedro Floriani decidiron finalmente non saír “ante a importante presenza policial”. O colectivo ARDE facía esta convocatoria porque segundo denuncian “logo dun mes dende o inicio do curso dende o goberno están a aplicar a Lomce de xeito paulatino”. Un cambio de proceder que persegue desmobilizar e minimizar o rexeitamento que na comunidade educativa está a provocar a Lei Wert. Querían tamén facer patente con esta protesta outras reivindicacións máis próximas como a necesidade de incrementar e axeitar as salas de estudo das biblioteca “pouco insonorizadas e con poucas prazas”. Reclaman tamén que se dote de ascensor o instituto Mendiño “xa que a carencia desta infraestrutura impide aos alumnos con escasa mobilidade acceder ao segundo andar”.