Os integrantes de Anova Redondela anuncian a súa decisión de “autodisolverse” por entender que logo do acontecido no transcurso da última Asemblea Nacional esta formación “constitúe hoxe unha ferramenta inútil para a transformación social, verdadeira motivación das persoas integrantes da Asemblea en Redondela” ademais de “carecer das mínimas garantías democráticas que garantan a actividade política dentro da organización”.
Explican no seu comunicado de disolución que despois de dous anos de singradura e observados os últimos acontecementos sucedidos na preparación e transcurso da II Asemblea Nacional, amparados polo Coordinador Nacional Martiño Noriega Sánchez e o Voceiro Nacional Xose Manuel Beiras Torrado “ANOVA IN carece das mínimas garantías democráticas de cumprimento do propio corpus de normas e regras autoimpostas, que garanta a actividade política dentro da organización”.
Engaden que o proceso político dos últimos dous anos e medio supuxo un esforzo persoal e colectivo virado en demasía á resolución da actividade interna da organización o que implicou “non desenvolver todo o traballo político en Redondela que esta asemblea querería”.
Conclúen argumentando que a día de hoxe segue a ser necesaria “unha forza política propia, galega, que cumpra con estas premisas éticas e que defenda o ben común”.