A Asociación Solidaria de Galicia (ASDEGAL) é unha ONG de interese social que promove programa de atención a persoas que se atopan en situación de necesidade por diversos motivos: saúde, soidade, enfermidade, persoas en situación de risco ou marxinación. Co gallo de artellar programas de voluntariado para colaborar con persoas ou colectivos nesta situación hoxe xoves preséntanse en Redondela nun acto que terá lugar no Multiusos ás 19:30 horas.
Os obxectivos primordiais de ASDEGAL son promover o voluntariado social co fin de atender en tarefas de acompañamento a persoas que se atopan en situación desfavorecida por diversos motivos. Os seus programas de actuacións céntranse en accións orientadas por exemplo a acompañar aos maiores tanto persoas que viven soas en situación de dependencia como maiores internados en residencias. Teñen tamén en marcha outras intervencións como o voluntariado en centros de educación especial e ocupacional, actividades con menores, en centros hospitalarios ou programas de formación a persoas en risco de exclusión.