A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investiu máis de 120.000 euros nas obras de acondicionamento e ampliación do CEIP de Cedeira co obxectivo de ampliar a súa superficie para comedor e crear unha nova aula de psicomotrocidade.
A obra de reforma e mellora do CEIP de Cedeira ten por obxectivo a adaptación do centro á lexislación vixente, tanto no referente ao cumprimento da normativa de accesibilidade coma ao programa de espazos, coa ampliación de superficie para comedor e a creación dunha aula de psicomotricidade, entre outras melloras.
Nese sentido procedeuse a reorganizar o interior do centro actual e a ampliar o mesmo aproveitando o espazo cuberto existente na fachada este de 155,25 m2 para dar cabida ao novo comedor e a nova aula de psicomotricidade.
O conxunto destas obras proporcionou un novo comedor máis espazoso e adecuado ao número de alumnos do centro, un espazo para a aula polivalente e de psicomotricidade, a dotación de aseos propios nas aulas de infantil, ampliación do espazo exterior cuberto e a mellora da accesibilidade do centro, con ramplas de acceso e creación dun novo aseo adaptado para uso de minusválidos.
O CEIP de Cedeira conta con 200 alumnos e alumnas e nos últimos anos realizáronse distintas obras nas súas instalacións que alcanzaron un investimento total superior aos 142.000 euros e que pasaron pola reforma da instalación eléctrica ou a reparación dun muro e da cuberta, entre outras.
Na mañá de hoxe a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, xunto ao alcalde, Javier Bas, realizou unha visita para comprobar o resultado dos traballos levados a cabo e segundo sinalou “redundan nunha mellor calidade educativa para todo o alumnado, equipo directivo e persoal do colexio”.