O domingo xógase en Redondela o encontro máis transcendental da Terceira División, xa que nel estará en xogo o liderado. O Pontevedra chega a Santa Mariña como líder, pero só un punto por riba do conxuto de Jacobo Montes. O partido disputarase a partires das 17.00 horas.
Logo do empate no Estadio do Roxo, o Choco ocupa a terceira praza do grupo, empatado a puntos co Cerceda, que é segundo. Pero este domingo os redondeláns terán ocasión de arrebatarlle o liderado da Terceira División ao Pontevedra, co que se enfronta en Santa Mariña. Un partido moi difícil no que o equipo deberá estar “ao cen por cen” para poder sumar un resultado positivo, segundo o técnico. Montes sabe “como facer dano ao Pontevedra” e preparan un encontro con dominio de balón e a defensa algo adiantada, para protexer a portería de Cortegoso dos dianteiros pontevedreses. Sen dúbida será un encontro no que os afeccionados gozarán do bo fútbol de ambas formacións. Porque da calidade dos rivais non hai dúbidas. O Choco está a facer unha espléndida temporada, moito mellor do que cabería esperar despois de perder a algúns dos seus xogadores máis importantes. Pero Jacobo Montes foi quen de volver armar un equipo competitivo e equilibrado que está a recoller uns resultados impresionantes nunha liga de alto nivel e moi competitiva. Pero o técnico non quere perder de vista o que é o seu principal obxectivo: a permanencia. Malia que levan varias xornadas nos postos máis altos da táboa, mesmo como líderes, Montes non quere “perder a perspectiva” e pide aos seus xogadores “humildade e traballo” para sumar os 45 puntos que lle garantan a salvación.