A agrupación municipal socialista amosa a súa sorpresa e incredulidade tras coñecer que, despois de máis de dez meses, estanse a resolver as solicitudes de exención de taxas do servizo de recollida de lixo e de abastecemento de auga e saneamento. Uns atrasos que ao seu entender débese “ao mal funcionamento dos servizos sociais do concello”.
Explica o socialista Eduardo Reguera que “máis de dez meses despois de rematar o prazo de presentación das solicitudes, estanse a resolver as solicitudes de exención das taxas municipais dos servizo de recollida de lixo e de saneamento e a traída do auga correspondentes ó ano 2014. unha situación que o seu entender “soamente pode explicarse pola mala ou nula xestión que está a realizar o goberno de Javier Bas en materia de servizos sociais”. Entende que non pode ser que cidadáns de Redondela, que atravesan problemas económicos, teñan que esperar case un ano para coñecer se están exentos ou non, de abonar unhas determinadas taxas”.
Ante esta situación os socialistas presentarán unha moción ao pleno de mañá na que solicitan que se revise a normativa vixente en materia de taxas para tratar de actualizalas ao momento actual e se axilicen os trámites para a resolución das exencións.
Solicitan tamén ao goberno que estude a posibilidade de que traballadores doutros departamentos do concello poidan desempeñar labores administrativas correspondentes aos servizos sociais cando a carga de traballo supere a capacidade do persoal asignado a estas funcións.