Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Seguridade vial na Teixeira: das palabras aos feitos

RR_Noticias

É o que reclaman os veciños de Viso para esta estrada provincial, que carece de beirarrúas na maior parte do seu tramo, e só dispón dun paso de peóns nun longo percorrido de varios quilómetros. O pleno da corporación acordou por unanimidade reclamarlle á Deputación de Pontevedra que dote esta estrada de maiores medidas de seguridade. Os residentes agardan agora que se fagan as obras.

Trátase dunha vella reivindicación dos veciños da zona, e tamén da comunicade escolar co CEIP Outeiro das Penas, situado nas inmediacións desta estrada e que carece de pasos de peóns para que os alumnos accedan de xeito seguro ao centro. Os residente da zona insisten en que se trata de medidas “moi necesarias” para preservar a seguridade dos peóns, xa que se trata dunha estrada cunha elevada densidade de tráfico na que, ademais, moitos vehículos non respectan os límites de velocidade. Enrique, un dos veciños que cada día circula por esta estrada, afirma que “non se trata de ningún capricho, senón dunha necesidade evidente”. Lupe, que rexenta unha tenda nesta estrada, observa a diario “o intenso tráfico e a elevada velocidade á que circulan algúns coches”, e mesmo ten sido testemuña de varios accidentes por alcance. Jaime, outro veciño da zona, recoñece que esta estrada é un perigo, “sobre todo para a xente de máis idade” que se ve obrigada a transitar por ela a pé, xa que en moitos tramos “non hai espazo, nin beirarrúas nin beiravías, onde poder protexerse”. Pero desconfía de que as administracións vaian resolver o problema, e iso que lembra que xa houbo accidentes mortais na zona. A situación empeorou desde que o Concello de Soutomaior prohibiu o tránsito de camións pesados polo centro de Arcade. Esta medida obriga aos camioneiros a tomar a estrada PO-2901 (Cesantes-Alxán) como vía alternativa para acceder a Soutomaior e Ponte Caldelas. Os principais prexudicados por esta situación son os veciños da parroquia do Viso, que soportan un continuo tránsito de camións pola estrada principal que atravesa os barrios de Tuimil e Saramagoso. Un dos colectivos máis afectado pola inseguridade viaria, son os escolares que acoden ao CEIP Outeiro das Penas de Cesantes, xa que na entrada do colexio pola Teixeira carece dun paso de peóns polo que poidan cruzar os nenos, e os tramos de beirarrúas son moi escasos. Desde a ANPA do centro xa solicitaron hai anos medidas de seguridade. Nuria Rodríguez, a presidenta da ANPA, lamenta que ata agora “non obtiveron resposta”, e agarda que agora a Deputación adopte as medidas de seguridade necesarias na zona. Os veciños recoñecen que a solución ao problema é complexa, xa que en moitos tramos” non hai espazo suficiente para construír unha beirarrúa e sería necesario facer expropiacións”, como sinala Jose Antonio. Con todo, os veciños entenden que, se hai interese das administracións, podería facerse buscando unha solución a un grave problema que afecta a centos de veciños. Para Manuel é unha cuestión de “vontade” política. O pleno da corporación de Redondela apoiou de xeito unánime a demanda do Consello parroquial do Viso para reclamar á Deputación de Pontevedra que proceda a arranxar esta estrada, dende as inmediacións do Colexio de Cesantes ata o Alto do Viso. Concretamente solicítase a construción de beirarrúas, a dotación de pasos de peóns elevados e a mellora da sinalización na contorna do colexio público. O BNG estima que a actuación precisa dun investimento de 300.000 euros.

Enrique veciño afectado
Para este veciño a dotación de beirarrúas e pasos de peóns é unha necesidade evidente.
Jaime desconfía de que se faga
Este veciño advirte da necesidade de dotar a estrada de máis seguridade pero dubida de que chegue a facerse.
Expropiacións
Jose Antonio entende que non será posible facer beirarrúas se non se expropian terreos aos veciños.
Vontade política
Para Manuel veciño do Viso é unha cuestión de vontade política.
Nuria Rodríguez presidenta da ANPA
A ANPA do CEIP Outeiro das Penas leva anos demandando accesos seguros para os escolares.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará