Unha exposición fotográfica no Multiusos da Xunqueira que se pode visitar ata o vindeiro 14 de xaneiro lembra a figura de Rita Otero Fernández (Redondela 1902-1956). Unha mostra enmarcada dentro dos actos conmemorativos polo seu nomeamento como persoeira do ano 2014 e que rematarán coa presentación o vindeiro 26 de decembro dun libro de Sabela Álvarez, no que se recolle a súa traxectoria vital.
As palabras máis emotivas do acto de presentacións da mostra fotográfica que dende o pasado venres se pode visitar no Multiusos da Xunqueira foron unha vez máis as que pronunciou o seu fillo Pedro Regojo, quen lembrou ante os asistentes a figura da súa nai “como unha muller valente que non tivo reparo en achegarse non só aos máis pobres senón aos represaliados pola guerra civil e aos propios presos na Illa de San Simón, nuns tempos difíciles marcados pola posguerra”. Lembraba que incluso se carteaba con presos doutros puntos da península e que sempre se interesou polas súas familias. Unha muller de quen destacan os que a coñeceron a súa xenerosidade en axudar “a todo aquel que o necesitara sen ter en conta a súa ideoloxía” dedicando a súa vida aos máis necesitados. Outra das cualidades que Pedro Regojo non quixo esquecer ao rememorar a figura da súa nai foi a súa dedicación ao traballo “unha característica común a Casto Sampedro e Alejandro Otero, os dous persoeiros homenaxeados en anos anteriores. A exposición está integrada por varios paneis explicativos e sobre todo fotografías a gran tamaño cedidas pola familia que forman parte do universo persoal da Familia Regojo, con algunha imaxe tamén das que fora a empresa téxtil máis importante do noso concello. Un acto que contou coa participación do edil de Cultura Julio Alonso e coa presenza do tenente de alcalde Miguel Angel Álvarez quen salientou a figura de Rita Otero lembrando “que quen non vive para servir non sirve para vivir”.