Deseñar e fabricar sistemas de tratamento e purificación de auga, ese é o negocio de Peter Taboada, unha empresa asentada en Vilar de Infesta. Fano con tecnoloxía propia desde 1980, e fornecen aos sectores naval, industrial, hospitalario e hoteleiro. Exportan maquinaria a 60 países en todo o mundo, e este ano facturarán 5,7 millóns de euros.
Na factoría de Redondela traballan 37 empregados, e veñen de asinar un contrato de 1.300.00 euros coa navieira MSC. Dotará aos seus novos cruceiros con sistemas de desalinización de auga mediante ósmosis inversa. Son máquinas capaces de transformar a auga do mar en auga potable. Depuran ao día 1.650.000 litros de auga, que son as necesidades que ten un barco no que viaxan 5.800 persoas. Tamén se fabrican en Peter Taboada os equipos de tratamento de auga para catro submarinos da OTAN. Outro dos clientes importantes da empresa é a petroleira mexicana Pemex, para a que fabrican sistemas capaces de potabilizar 160.000 litros de auga diarios para as plataformas petrolíferas. A factoría de Vilar exporta o 90,50% da súa produción a 60 países en todo o mundo. Actualmente teñen distribuídas 1.000 plantas de tratamento de auga polos cinco continentes. Ademais de barcos e plataformas tamén serven a hospitais, plantas de gas ou refinarías. A empresa dispón de cinco patentes internacionais que mostran o esforzo realizado en I+D+I desde que se fundou a compañía no ano 1980. Visita dos empresarios As instalacións de Peter Taboada foron visitadas o venres polo presidente da Confederación de Empresarios, Luís Novoa, acompañado polo presidente da Asociación de Empresarios de Redondela, Fernando Sampil e o concelleiro de Urbanismo, Arturo González. Alí puideron coñecer os proxectos de Peter Taboada, que en plena crise logrou ampliar mercados e aumentar a súa carteira de pedidos, con encargos para Ecuador, Iraq ou México. Novoa destacou que a situación do empresariado da provincia “é complicada”, e que o caso de Peter Taboada é “a excepción que confirma a regra”. Na súa visita a Redondela reuniuse coa patronal redondelá para falar dos problemas do sector. Sampil expuxo a necesidade de crear máis chan industrial no municipio así como o impacto negativo que as infraestruturas teñen no territorio, así como a necesidade de suprimir a peaxe de Rande.