Unha situación que afectaría, segundo denunciaron dende o BNG, os alumnos do Instituto Mendiño e o Colexio de Quintela. A responsable de ensino no noso concello, Teresa París entende que malia carecer de compentencias neste asunto “a administración local debe estar ao lado dos pais e dos centros educativos para resolver un problema que afectaría a este alumnos e que os obriga a chegar ao centro con media hora de antelación e nalgúns casos a agardar ata media hora despois de clase para poder regresar aos seus domicilios”.
A edil asegura que están a reunir información ao respecto para coñecer cal é o motivo que provoca estes atrasos e que podería atoparse na necesidade de realizar varias quendas logo de que o número de alumnos excedese as prazas existentes nun autobús e que ata o de agora permitían facer unha única viaxe. Un tema que foi abordado no último consello escolar municipal a petición do BNG quen denunciaban que dende o mes de novembro o transporte do Mendiño cóbrese con dúas quendas de viaxe pola mañá e outras dúas a mediodía. Unha situación que obriga a anticipar a entrada media hora na primeira quenda e a atrasar outra media hora as saídas. Así, hai rapaces que están no centro escolar dende as oito da mañá, mentres outros non saen ata as 14:30, unha situación que se agrava os luns, xornada na que os rapaces volven entrar pola tarde ás 16:15 horas. A mesma empresa realiza o servizo para o alumnado de Quintela o que significa que se atrasa arredor dun cuarto de hora na saída. En ocasións estes nenos de menos de 12 anos están chegando ás súas casas máis alá das tres e cuarto da tarde.