O goberno de Javier Bas renunciou a unha subvención xa concedida pola Xunta de Galicia de 1.010 euros para a organización dun taller de igualdade nos centros educativos de Redondela. A socialistas Digna Rivas entende que este feito amosa a incapacidade do goberno para desenvolver políticas de igualdade.
A agrupación municipal socialista tivo coñecemento nas últimas semanas que o goberno de Javier Bas renunciou a unha subvención concedida para a organización dun “taller de igualdade nos centros educativos de Redondela”.
A axuda para este taller foi concedida por valor de 1.010 euros chegando a Xunta a facer o ingreso correspondente ao 80% da subvención (808 euros). Non obstante, a pesar de ter a axuda concedida e ingresada o goberno de Javier Bas presenta unha renuncia alegando segundo explican os socialistas “razóns de financiamento e de prazos”. Deste xeito, o pasado 4 de decembro o concello devólvelle á Xunta os xa ingresados 808 euros.
“Esta é unha situación ilóxica, que non podemos explicar nin entender” afirmou a concelleira socialista Digna Rivas e engade que “o alcalde e a concelleira responsable teñen que ofrecer as explicacións dos motivos polos que se renuncia dunha subvención xa concedida ó concello en materia de igualdade”. Entende ademais que este caso é especialmente grave por tratarse “dun taller de igualdade nos centros educativos, un dos lugares nos que máis é preciso incidir porque teñen que ser exemplo de convivencia e igualdade”.
Por este motivos, a concelleira Digna Rivas engade que “a única explicación que se pode atopar é que o Partido Popular e os seus dirixentes en Redondela non asimilan o concepto de igualdade e, menos aínda, de educación igualitaria.