O arqueólogo e historiador Ramón Patiño presenta na Casa da Cultura o venres ás 20:30 horas o seu libro Los Tesoros de Rande. Un libro no que achega novidades e clarifica falsidades en torno á batalla de 1702. Recolle tamén nas súas páxinas os posibles “tesouros” mergullados na enseada e outras curiosidades como os artefactos empregados por primeira vez en Rande.
O libro ven ser unha revisión e posta ao día da batalla de 1702 grazas á documentación atopada no Arquivo de Indias e nos Arquivos da Mariña Francesa, o de Inglaterra ou o de Holanda. Logo de máis de ano e medio de traballo, Patiño pode con eses datos corrixir inexactitudes e desmontar lendas que se foron espallando ao longo dos séculos en parte por intereses daqueles que querían lograr financiamento para as súas expedicións na procura dos supostos tesouros afundidos e noutros casos por “deixadez” dalgúns historiadores que daban por boas afirmacións que non contaban con base documental. Con todo, Ramón Patiño insiste en que o libro contribúe a engrandecera batalla de Rande demostrando que as cousas se fixeron ben “xa que as riquezas que traían os barcos españois foron descargadas case na súa totalidade antes de que se producira a batalla” Sobre o que se podería atopar a día de hoxe mergullado na enseada apunta “uns 400 canóns de ferro e algún caixón illado pero o 80% do que levaban os barcos que logo se afundiron durante o mes que durou a batalla foi descargado e afastado da costa”Entre as curiosidades que atopamos nas páxina deste libro hai referencias a artefactos que foron empregados por vez primeira en Rande pero o que máis sorprende aos lectores, segundo explica o seu autor, adoitan ser as información sobre o galeón Santo Cristo de Maracaibo que non está afundido nas Cíes tal e como comunmente se cre, alí estaría o Nuestra Señora de Los Remedios, un buque que foi baleirado das súas riquezas antes de irse a pique ao sur das Illas”.