Ante a preocupación veciñal e dos expertos en arqueoloxía, fan unha proposición non de lei para que se paralicen as obras de ampliación da AP-9 que afectan aos restos do castelo ata que o parlamento galego poida valoralo.
A iniciativa de EU Redondela, Alternativa Galega de Esquerdas revisou os estudos e informes de AUDASA referentes a ampliación da AP-9, e que afectan ao Castelo de Rande. Para coñecer con máis detalle o futuro deste patrimonio arqueolóxico, AGE formulou unha Proposición non de Lei para o seu debate na Comisión de Educación e Cultura. Demandan máis información sobre o proxecto de prospección arqueolóxica presentado por Audasa á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, así como as conclusións do estudo de impacto e as alegacións da Dirección Xeral de Patrimonio. Tamén demandan máis detalles sobre a construción dos novos piares da ponte para “minimizar” o impacto das obras de ampliación da AP-9. Desde AGE solicitan tamén que non se inicien as obras de ampliación da autoestrada antes de que os grupos parlamentares podan valorar “as implicacións de toda a documentación”. Por último, demandan que se aclare cal é o espazo previsto para un posible traslado do Castelo de Rande e as consecuencias que terá na preservación deste Ben de Interese Cultural.