O filial deportivista debeu esperar até o final para imporse ao Choco nun partido no que os redondeláns tamén tiveron as súas opcións de vitoria. A derrota afasta aos de Jacobo Montes da parte alta da táboa, perden unha posición e son novenos.
Terceira División
Deportivo B 1-0 Choco
O Deportivo B non tardou en ir facéndose co control da posesión debido ás súas rápidas recuperacións e ao ritmo de circulación que impuxo. A primeira chegada tardou un pouco e foi morna. Remeseiro quixo sorprender a Aarón cun tiro desde a frontal no minuto 16, pero a meta do Choco estivo atento. Contestou o Choco cun tiro centralizado de Gonza Fernández que atallou en dous tempos David. Máis perigo tivo un centro de Anxo que bateu Pancho na área. O seu tiro sacouno Pablo Piñeiro sobre a raia. En plena presión deportivista, Lucas meteu o corpo para desviar un chute de Dani Igrexas desde a media lúa. Na continuación do mesmo, o propio dianteiro centro local colocou como puido a bota a un centro de Remeseiro pasando o balón preto do traveseiro da meta redondelana. No tramo final do primeiro tempo Aarón meteu as dúas mans a un cabezazo de Roberto. O central subira a rematar unha falta lateral que lanzou Remeseiro e sorprendeu á zaga visitante. Na seguinte, Pancho perdoou cunha volea que lle saíu alta a centro de Jorge. O segundo tempo foi máis equilibrado. Os locais atopáronse coas entrelíneas pechadas. Non houbo oportunidades até o minuto 66, nun disparo afastado de Hugo que se lle escurrió a David, aínda que finalmente atrapou antes de que o esférico tocase a liña de gol. O cadro herculino tardou tres minutos en responder. O luso Miguel Cardoso non golpeou ben, no segundo pau, un centro desde a esquerda e o coiro perdeuse preto do poste. A falta de oito minutos Hugo orientouse cara á frontal para golpear co exterior e rozar co coiro a escuadra esquerda da meta defendida por David. No minuto 85 o protagonismo foi para os 4 de cada equipo. Lucas despexou un centro de Piette que pasou rozando o traveseiro da súa propia portaría e, tras o córner do susto visitante, o balón caeu a Roberto, que se revolveu para xutar á rede e adiantar aos coruñeses. Unha acción individual de Jorge, regateando a dous rivais, serviulle para plantarse ante Aarón, que lle desviou o disparo co corpo. Ao final, o Deportivo B quedou co tres puntos.
Segunda Autonómica
Choco B 1-0 Nigrán
Partido de alto nivel en Redondela, no que o Choco B conseguiu impoñerse ao líder, o Nigrán. Os redondeláns escalan así unha posición e marchan ao descanso de Nadal como 2º do grupo. Logo do parón volven á competición no campo do Teis, da metade da táboa.
Arcade 1-2 Umia
O Arcade tentouno, pero non puido cun dos equipos fortes do grupo, o Umia. O resultado deixa ao Arcade no 13º posto. Logo do Nadal volven á competición no campo do Zacande
Terceira Autonómica
Cesantes 1-3 A Lama
O Cesantes segue afundido na parte baixa da táboa logo da derrota diante do líder do grupo, A Lama. Logo das vacacións de Nadal volven á competición no campo do Soutomaior, co que están empatados a puntos.
Chapela 7-0 Moledo
O Chapela é 3º logo de impoñerse ao Moledo. Logo do Nadal volverá á competición no campo do Coia.
Nieto 6-0 Beretes Chapela
O Nieto segue intratable, e o Beretes sufriu unha dura goleada. Cando se reanude a competición recibirán ao S. Eulalia.
Vilar 2-1 Atios B
Os de Redondela seguen a escalar posicións logo de impoñerse a un rival complicado, o Atios B, da parte alta da táboa. Agora o Vilar chega ás vacacións de Nadal no 5º posto. Volverá á competición en xaneiro no campo do Louredo.