Falta de persoal no departamento de Servizos Sociais atrasa a resolución dos expedientes que deben determinar se estes veciños terán que abonar as taxas correspondentes ao servizo de recollida de lixo e de abastecemento de auga e saneamento correspondentes a 2014 ou se poderán acollerse á exención que se aplica a aquelas familias con máis necesidades económicas. O PP rexeita unha petición do PSOE para revisar a ordenanza “co obxectivo de adaptala ao momento actual e axilizar os trámites para a resolución das mesmas”.
A moción, presentada polo PSOE no último pleno municipal, puña de manifesto o atraso dos expedientes en base aos cales se debe determinar se os veciños que así o solicitaron teñen dereito a estar exentos de determinados impostos. Os socialistas ademais de reclamar unha revisión da ordenanza vixente solicitan a posibilidade de que traballadores doutros departamentos do concello poidan desenvolver labores administrativas correspondentes a servizos sociais cando a carga de traballo supere a capacidade do persoal asignado a estas funcións. Digna Rivas acusaba ao goberno local de “nula xestión” e insistía no feito de que estas familias teñen que presentar “a solicitude para o vindeiro ano cando aínda non saben si terán que pagar as taxas correspondentes ao 2014”. Dende o BNG cualificaban a situación de “problema gordo, xa que os expedientes que debían estar resoltos como mínimo no primeiro trimestre do ano aínda non estean informados”. Lembran que detras desta situación agáchase a decisión do goberno estatal de prohibir aos concellos “unha das administracións menos endebedadas” contratar persoal independentemente de que se necesite No mesmo sentido se manifestaba dende AER Alfonso Blanco quen acusaba ao PP de “adoptar unha actitude suicida que impide a contratación de traballadores”. A responsable de Servizos Sociais Teresa París, recoñecía a situación e a falta de persoal. Anunciaba nese sentido que se tentará reforzar os servizos sociais tanto en Redondela como en Chapela. Con todo, rexeitaba a bancada popular dar o seu apoio a moción Malia contar co apoio da oposición a moción non saiu adiante ao faltar un concelleiro socialista e darse un empate técnico que resolvía o voto de calidade do alcalde. Dende o PSOE critican que “malia recoñecer o atraso na resolución o PP non quere aprobar as solución porque simplemente non chegan dende a súa bancada”.