O noso concello segue a tendencia á alza na cifra de desempregados ao igual que o resto de Galicia. Malia todo nos concellos limítrofes a variación foi mínima con 21 parados máis en Soutomaior, Pazos de Borbén suma tres desempregados mentres que Fornelos é o único municipio que rexistra datos negativos cunha persoa menos anotada nas oficinas do SEPE.
Segundo os datos publicados este luns pola Consellería de Traballo, Redondela pechou o ano 2014 con 116 parados máis logo de pasar dos 2.578 desempregados do mes de novembro aos 2.694 de decembro. Destes a maior parte son maiores de 25 anos (2.553) e son máis as mulleres sen emprego (1.557) que os homes (1137).
Malia todo se comparamos os datos do último mes de 2014 cos dun ano antes o balance é positivo xa que o número de desempregados caeu en 230 persoas ao pasar dos 2.924 de 2013 aos 2.694 do pasado mes.
Nos concellos limítrofes as variacións son mínimas. No caso de Fornelos de Montes hai un desempregado menos con respecto a novembro, sumando en total 201 as persoas anotadas nas listas de procura de emprego. Pazos de Borbén sumou tres parados máis, en total 442 desempregados no último mes do ano e Soutomaior tamén pechou 2014 con balance negativo ao incrementarse en 21 o número de parados situando a cifra nos 862. A tendencia negativa reflíctese tamén en toda a comarca de Vigo onde o peche do ano deixa 302 parados máis, sumando un total de 45.133 desempregados.