Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Cultura pide a colaboración veciñal para recuperar a memoria histórica de Redondela

RR_Noticias

A Concellería leva meses traballando na posta en marcha dun arquivo audiovisual que serva para reunir fotografías, vídeos e documentos. Co obxecto de encher de contido este arquivo dixital, que se pode consultar no enderezo http://www.arquivoaudiovisualderedondela.com. e que actualmente conta xa con máis de 200 fotografías, faise un chamamento aos veciños para que acheguen as súas imaxes.

Este arquivo ten por obxecto recompilar, conservar e difundir a memoria e a historia de Redondela a través de fotografías, vídeos e documentos antigos con valor etnográfico, documental e histórico. Imaxes que na actualidade se presentan diseminadas en coleccións persoais polos fogares. A páxina web está xa funcionando pero agora precísase da colaboración da veciñanza para que achegue as súas imaxes dando así a posibilidade de ampliar este arquivo audiovisual. A responsable do mesmo, Ana Gesteira explica que o arquivo existente contaba cunha importante cantidade de documentación administrativa dende 1848 pero que tiña importantes carencias en canto a documentación fotográfica cultural e etnográfica. Carencias que se queren solucionar con esta iniciativa. Os obxectivos son por unha banda conservar esa documentación para preservala do paso do tempo mediante a súa dixitalización e, por outra banda, difundir esas imaxes no enderezo electrónico  http://www.arquivoaudiovisualderedondela.com. Os veciños terán así a posibilidade de usar o material que alí se colgue: fotografías, carteis, documentos e produtos audiovisuais, maiormente en mans privadas, que estaban en perigo de desaparición. Un material que dende o Concello pretenden tamén poñer en valor coa realización dunha exposición anual cunha selección do material que se vaia recompilando, segundo explicaba o edil de cultura, Julio Alonso. Para levar adiante este proxecto é imprescindible a colaboración da veciñanza que teña no seu poder fotografías, vídeos ou outros documentos do pasado.  As imaxes cedidas temporalmente serán dixitalizadas e devoltas no mesmo estado no que foron prestadas, e xunto con elas facilitarase, de xeito gratuíto, unha copia dixital en alta resolución. Ademais necesítase tamén a colaboración da veciñanza á hora de identificar as persoas e os sitios que aparecen nas fotos. Ana Gesteira facía fincapé en que “só entre todos poderemos recuperar a memoria visual colectiva do noso concello”. O alcalde de Redondela, Javier Bas, insistía tamén en que “a historia está nos libros e nas películas pero tamén recluída no ámbito privado dos veciños” e salientou que esta ferramenta “permitirá manter viva a historia local e a súa difusión”. As persoas interesadas en colaborar poden poñerse en contacto co persoal do Arquivo no local situado nos baixos do número 1 da rúa Reveriano Soutullo ou a través do teléfono 986 400300. 

Ana Gesteira responsable do Arquivo
Recuperar imaxes e documentación cultural e etnográfica
Recuperación e catalogación
Os veciños poden poñerse en conacto co servizo a través do teléfono 986400300
Julio Alonso edil de cultura
Difundirán as imaxes tamén coa organización de exposicións
Javier Bas alcalde
Manter viva a historia local

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará