A conselleira de Medio Ambiente Ethel Vázquez avanzou que esta intervención cuxo orzamento é de 150.000 euros, permitirá ampliar este tramo da estrada a Reboreda garantindo así a seguridade de peóns e vehículos. Anunciou tamén que as obras para a eliminación de cheiros da depuradora iniciaranse ao longo deste mes. Vázquez falou doutros asuntos relacionados coa mobilidade como a ampliación de Rande “que se acometerá o antes posible” ou a posta en marcha do trasporte metropolitano previsiblemente en marzo.
As obras de mellora na Ponte de Xulián sobre o río Alvedosa están pendentes do seu inicio pero dende a Consellería comprométense a telas rematadas “esta mesma primavera”. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, adiantoulle este prazo ao alcalde de Redondela, Javier Bas Corugeira, no transcurso dunha visita institucional a este concello. Vázquez Mourelle recordou que as obras de ampliación da estrutura e beirarrúa da estrada Redondela-Forzáns (PO-250) teñen por obxectivo dotar esta estrada autonómica da anchura adecuada, polo que contará con dous carrís de 3,50 metros para a circulación de vehículos e unha beirarrúa nunha das marxes para a circulación dos peóns. A actuación, na que a Axencia Galega de Infraestruturas inviste 150.000 euros, busca mellorar a seguridade viaria desta estrada autonómica, xa que lle permitirá aos peóns circular por esta zona e cruzar o río con garantías de seguridade. Outro dos asuntos sobre os que xirou a reunión celebrada entre a conselleira e o alcalde foron as obras para a eliminación de olores e integración paisaxística da depuradora de Redondela, sobre as que a titular de Medio Ambiente avanzou que os traballos se iniciarán ao longo do mes de xaneiro e nas que a Xunta inviste 170.000 euros. Esta actuación consiste na instalación dun peche vexetal de bambú e no acondicionamento do edifico de deshidratación de lodos, o espesador de lodos e o pozo de grosos. O obxectivo é mellorar a calidade visual no contorno da depuradora e reducir o impacto da instalación para mellorar a súa integración urbana.