A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade repartirá mil mandís entre os veciños do concello. Unha campaña que se quere converter en “viral” nas redes sociais polo que animan aos veciños a facerse unha foto co mandil e subila a Facebook amosando así o seu compromiso coa igualdade, a corresponsabilidade e o reparto de tarefas. A campaña conta co apoio de deportistas de elite como o ciclista Marcos Sérrano e o futbolista Pablo Couñago.
“Eu tamén fago”, ese é o lema que se pode ver nos mandís que a partir de hoxe comezará a repartir a Concellería da Muller entre os veciños. Unha iniciativa enmarcada dentro do III plan de Igualdade que pon en marcha este departamento e que centrará as súas accións nos mercados e nos colexios. Unha campaña para a cal o goberno local quixo contar coa presenza de deportistas recoñecidos nos seus campo por entender que o primordial “é concienciar, que se fale da igualdade, e botar man de veciños coñecidos identificados coa idea ques e quere espalla é un bo xeito de facelo”. O futbolista Pablo Couñago engadía nese sentido que é necesario colaborar coa igualdade “dentro e fóra da casa” e o popular ciclista Marcos Sérrano salientaba a necesidade de traballar porque cada vez sexan máis as mulleres que practiquen deportes tradicionalmente masculinos e que nese traballo xa están a avanzar no club que preside “onde hai 12 mulleres, un número que vai en aumento”. Un xesto simbólico o de poñerse o mandil que facían na presentación da campaña varios concelleiros do goberno local e o propio alcalde quen facía fincapé na necesidade de que os pais “poñan o mandil na casa e transmitan aos fillos que o natural e o lóxico é que as tarefas se repartan”.