Unha cita gastronómica enmarcada no programa das Festas na honra de San Vicente que arrancan este xoves e que se prolongarán durante catro días con actividades para os máis pequenos, verbenas, actos relixiosos e a Festa do Cocido no transcurso da cal se desenvolverá o III Festival de música tradicional galega.
O programa arranca mañá xoves con pasarrúas e misas cada hora dende as dez.Coincidindo co día do patrón a misa central será a unha do mediodía e estará cantada pola coral de Teis. A continuación os fieis sairán en procesión. O venres os actos centraranse no horario nocturno con verbena amenizada pola orquestra Televisión a partir da dez da noite. O groso das actividades centraranse na fin de semana. O sábado cobra protagonismo os máis pequenos con xogos populares e cucañas no recinto da festa a partir das 16.30 horas. Haberá tamén animación infantil co grupo Rivel. Os participantes recibirán ademais agasallos por parte da comisión de festas. Xa pola noite a verbena que arrancará ás 21.00 horas contará coas orquestras Marbella e Palladium, con actuación fin de festa a cargo do Dj Carlos González. O domingo terá lugar a VI edición da Festa do cocido. Por 20 euros os comensais poderán degustar un completo menú con sopa, cocido, sobremesas, viño, café e chupito. Haberá tamén humor co humorista Lucho-Luchiño. As seis da tarde arrancará o III festival de música tradicional con actuación dos grupo de gaitas Os Beretes de Chapela, Os de debaixo da Ponte de Rande e o grupo do Centro cultural de Trasmañó. Escoitaranse tamén as pandeiretas dos grupos Ledicia e o grupo Antela de Vigo. Dende a organización animan aos veciños a se achegar e insisten en que hai habilitado un recinto cuberto cunha gran carpa climatizada para evitar as inclemencias meteorolóxicas.