O Servizo de Normalización Lingüística organiza a representación do monólogo teatral de Cándido Pazó, “Decamerón. Historias para tempos ruíns”. Este espectáculo, xunto cos monólogos do vindeiro sábado 7 de febreiro (“Os contos de Joselín”), forma parte da programación trimestral do SNL no ámbito cultural, e vén complementar o festival de monólogos, Lareta, que se celebrou en Chapela no outono.
O Decamerone é un dos fitos narrativos da literatura europea e unha das lecturas máis celebradas ao longo dos séculos. Nesta versión que nos presenta Cándido Pazó están adaptados unha presa de contos do orixinal, os máis divertidos e mordaces, aos que lles tira máis proveito metafórico en relación coa actualidade. Nos contos de Boccaccio, uns mozos que foxen da peste bubónica atopan refuxio nunha quinta campestre e comezan a se contar historias. A reinterpretación de Pazó achégase máis á “peste económica”, o andazo de hoxe, do que non podemos fuxir pero que o teatro nos axudará a levar dun xeito máis divertido e reconfortante. A representación celebrarase o sábado 31 de xaneiro, ás 20.00 h, no Centro Recreativo de Redondela. As entradas poranse á venda dende o xoves no multiúsos da Xunqueira, e o sábado no propio Centro Recreativo, cun prezo de 5 € (3 € para persoas xubiladas e estudantes).