O pleno do Concello aprobou onte por unanimidade a contratación do estudio Jornet Llop Pastor por un importe de 475.000 euros para elaborar un documento urbanístico fundamental para o desenvolvemento do Concello. Esta estudio foi o elixido entre un total de 12 candidatos logo de obter a máxima puntuación. Deberá presentar o documento urbanístico antes de catro anos.
A redacción do PXOM servirá para cubrir unha carencia fundamental, xa que Redondela, logo de varios intentos infructuosos por aprobar un Plan Urbanístico segue a rexerse por unha obsoletas Normas Subsidiarias que datan do ano 1988. Así o salientaba o edil de urbanismo Arturo González na súa intervención. Ademais de achegar os datos fundamentais da adxudicación insistía en que “Redondela necesita un PXOM acorde cos tempos que vivimos e que dea forma no futuro ao noso concello”. A propostas contou co apoio de todos os grupos da oposición quen non deixaron pasar a oportunidade de lembrarlle ao goberno local que a adxudicación chega a tan só uns meses de que o PP remate o mandato. Luís Orge dende o PSOE criticou aos populares a súa “falta de capacidade para reunirse cos veciños e coñecer a súa opinión sobre o urbanismo que queren para Redondela”. Lembrou que aínda faltan anos para aprobar o plan pero aplaudiu a solvencia do equipo redactor elixido “gracias en gran medida a que foron moitos os arquitectos que antes se dedicaban ao ladrillo e que agora volven a demandar este tipo de traballos para os concellos”. A nacionalista Cecilia Pérez insistía en que será a vindeira corporación a que teña que enfrontarse a “un traballo ímprobo” para sacar adiante o proxecto que agora se redacte. Pola súa banda, dende a Agrupación de Electores, Alfonso Blanco tamén deu o seu voto a favor por entender que se trata “dunha actuación imprescindible que xa leva moito atraso” e amosou a súa preocupación polas afección que padece o noso concello: AVE, autoestradas, Costas… e que xa provocaron que algún intento anterior por sacar adiante o PXOM non chegara a bo porto.