Este curioso e reducido espazo situado na fachada do bar Discotasca na rúa Pai Crespo de Redondela amosa xa a súa primeira creación artística, a obra “Traballar no arame” de Mass Fuentes. O colectivo Pitrina está detrás desta orixinal proposta que busca espertar o interese de artistas e espectadores. As súas propostas irán cambiando mensualmente e pretenden achegarse a diferentes disciplinas.
O Colectivo Pitrina, do que forman parte Fon Decón, Pablo Giraldez “O Pastor” e Gerardo “Mass” Fuentes está detrás desta curiosa iniciativa: un novo espazo artístico de tamaño reducido “seguramente o máis pequeno do mundo” para achegar a arte ao público en xeral. Esta pequena galería de arte chámase “Mínima expresión” e ocupa o interior dunha neveira dos anos 70 rehabilitada e instalada na fachada do bar Discotasca. Un espazo expositivo de tamaño reducido que está a disposición de artistas de todas as disciplinas e que pretende achegar a arte a todo tipo de público, dun xeito divertido e didáctico. As súas propostas exhibiranse durante un mes e, a finais de ano, editarase unha publicación con todos os proxectos presentados. A primeira mostra poderase ver durante todo o mes de febreiro e leva por título “Traballar no arame” unha obra que segundo o seu autor “convida á reflexión e que plasma, dun xeito moi gráfico, o estado da arte”.