Despois da goleada sobre o Bertamiráns, os de Jacobo Montes colócanse na sétima posición con 40, a 4 da cuarta praza, que permite disputar a fase de ascenso a Segunda B. Malia esta privilexiada situación o técnico é prudente, e mantén o obxectivo de sumar os 45 puntos que lle garantan a salvación. Un triunfo nos Carrís sería o golpe definitivo.
A estas alturas de liga, na xornada 26, a situación do Choco supera as perspectivas dos máis optimistas. No seu segundo ano na categoría están a desenvolverse con solvencia unha liga moi esixente e competitiva. O pasado domingo os afeccionados viviron unha auténtica festa de fútbol en Santa Mariña cunha goleada sobre o pechacancelas (6-1). O triunfo achégaos a parta alta da táboa, e permite ao club soñar con facer algo grande. Pero Montes advirte que logo dunha xeira de encontros cos rivais máis febles da táboa, a partires de agora terán que facer fronte a un calendario moito máis esixente, cos equipos máis fortes do grupo. E deixa claro que o seu obxectivo segue a ser sumar os 45 puntos que lle garantan a permanencia. O seu próximo destino e Barbadás. Os anfitrións, malia estar na metade baixa da táboa, melloraron moito o seu xogo logo do cambio de adestrador e Jacobo Montes agarda un partido “complicado”. Tamén polo campo dos Carrís, un terro de xogo de reducidas dimensións “que non favorece o xogo dos redondeláns”. De acadar un resultado positivo estarían xa moi preto da salvación. Sería un paso de xigante para afrontar con garantías os próximos partidos, nos que se medirán, entre outros, ao Arousa, Órdenes, Rápido de Bouzas, Cerceda e Pontevedra, todos eles da parte alta da táboa.