As Igrexas do noso concello será o escenario de diferentes concertos de música clásica gratuíta durante este mes de marzo dentro do programa Pórtico Sonoro que organiza a Concellería de Cultura. A primeira das citas será este sábado ás 21:00 horas na Igrexa de Santo André de Cedeira coa actuación da formación Camerata più bassa.
Varias igrexas de Redondela abren as súas portas este mes para todo o público amante da música clásica e que queira achegarse a este ciclo de concertos gratuítos que organiza Cultura. O primeiro dos concertos desenvolverase no templo de Cedeira, unha igrexa construída segundo os planos de Casas Novoa arredor de 1743 e un dos mellores exemplos de arquitectura barroca da provincia que servirá de escenario para o concerto de música antiga “Oito pezas sen derrota” interpretado por Camerana più bassa. Precisamente poñer en valor este patrimonio é tamén un dos obxectivos do ciclo que continuará o día 14 na Igrexa de Santiago e o día 28 na Igrexa Santa María de Reboreda. O concelleiro de Cultura Julio Alonso confía en que o público avale coa súa presenza esta actividade que se despraza as parroquias e que busca nas igrexas un espazo axeitado no que dar cabida a estas formacións de gran formato, como a Orquestra da USC e coro Gli Appassionati que actuará o día 14 ou o coro de cámara Rías Baixas e Orquestra que pechará o ciclo o último sábado de mes.